Presentación


“...Na noite, vo-los tres fuxitivos.Fuxitivos do medo na dorna escorregante, danzando e embestindo contra o medo...”


(Os líderes mariñeiros que fuxiron na dorna e morreron no Atlántico, lonxe do terror, Xosé Luis Méndez Ferrín)

foto barco

Dentro das actividades que a Consellería de Cultura e Deporte está a desenvolver co gallo deste “Ano da Memoria”, coa vista posta en homenaxear ás vítimas e no coñecemento das funestas consecuencias que carrexou a represión franquista ao conxunto do país, hai unha que ten por único escenario o mundo do mar. Un antigo e maxestuoso barco de vapor, o Hidria II, percorrerá do 17 de xullo ao 6 de setembro a costa galega para recordar e render homenaxe ás persoas represaliadas tras o golpe de estado franquista na Galiza mariñeira.

No vapor viaxa a exposición “Os Mártires do Mar” sobre o asañamento dos fascistas contra o tecido societario urdido polos traballadores do mar, cun degoro divulgativo e cunha presentación asequible ao gran público. O vapor “Hidria II”, vello alxibe que foi do porto de Vigo, hoxe totalmente rehabilitado por unha empresa radicada no Grove para actividades de turismo náutico, está a converterse por unhas semanas no “Barco da Memoria” que percorre a beiramar dende a Ría de Vigo ate o Golfo Ártabro.

O barco, que nalgunhas localidades será recibido por embarcacións locais á súa entrada aos portos, permanecerá aberto para que a xente poida subir a bordo e contemplar a exposición que alberga. Xunto a esta mostra nas vilas que visite haberá diversas actividades como conferencias, outras exposicións, proxeccións de documentais audiovisuais, concertos e homenaxes ás persoas que foron asasinadas e represaliadas polo réxime franquista.


Descarga do Folleto da Exposición [PDF]

2006 Ano da MEMORIA