Presentación
A Illa de San Simón
A Consellaría de Cultura e Deporte escolleu á Illa de San Simón como lugar de referencia para a recuperación da Memoria, converténdoa desde o ano 2006 en lugar público para render homenaxe aos miles de persoas que viviron e morreron neste lugar, que foi colonia penitenciaria a partir do ano 1936. Dos miles de persoas que viviron e morreron neste lugar, nada queda. Os vencedores encargáronse de borrar a memoria, por iso é o noso deber recuperala para radecerlles aos alí confinados, aos que morreron nas gabias ou nos paredóns, os que tiveron que fuxir ao monte ou saír cara ao exilio, os que sufriron máis de corenta anos agochados nas súas casas sen poder dicir que foron eles os que defenderon a legalidade e a democracia contra uns bárbaros golpistas, fascistas e asasinos que encheron Redondela e Galicia de sangue e de odio.
Nestes últimos tres anos, un gran número de persoas visitaron este espazo asistindo a diferentes actos de celebración, pisando en moitos casos, por primeira vez, a inmensa prisión que ocupa o territorio das dúas illas, a de San Simón e a pequena de San Antón. Moitos deles, eran fillos, netos, sobriños ou irmáns de tantos homes e mulleres que foron asasinados, presos, perseguidos ou tiveron que marchar do país despois do golpe militar.
O antigo Lazareto convértese deste modo, en territorio fundamental de estudo e homenaxe da nosa historia máis recente.
[Descargar]