O Proxecto de Investigación "As vítimas, os nomes e as voces" naceu ao abeiro dos traballos que desde a Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia se realizaron ao redor do Ano da Memoria 2006. O proxecto nace coa intención de estudar a represión franquista da guerra civil e da ditadura, ofrecendo á sociedade os datos relativos ás persoas que sufriron algún tipo de persecución por mor da súa ideoloxía ou a súa posición favorable á democracia republicana. Esta tarefa abórdase desde a perspectiva da investigación histórica, como parte dun crecente interese dos especialistas polo tema da Guerra Civil e da conseguinte represión.
O traballo a desenvolver xira ao redor de varios eixos: A pescuda dos nomes, das voces e dos lugares da represión. Nesta liña, e desde o rigor da disciplina histórica, preténdese cubrir os baleiros existentes sobre o período de estudo: Poñer ao servizo da sociedade galega os nomes d@s represaliad@s polo franquismo, a través dunha base de datos específica que recolla os principais datos de cada persoa. Ao tempo, recoller as voces d@s que pasaron polo cárcere, o exilio ou estiveron agochad@s, así como as lembranzas dos seus familiares máis achegados. Por último, botar luz sobre os lugares da represión, as cunetas, os cemiterios, as corredoiras ou os montes, onde os represaliad@s foron asasinad@s ou foron vexad@s.
Para o desenvolvemento deste labor, púxose en funcionamento un grupo de investigación onde están presentes os máximos especialistas na temática da represión en Galicia, dirixidos polo catedrático de Historia Contemporánea, Lourenzo Fernández Prieto.
Dende este proxecto facemos un chamamento á colaboración da sociedade, tanto de particulares que poidan aportar testemuñas e vivencias daqueles feitos, coma das asociacións e entidades preocupadas pola recuperación da memoria histórica.